Pedro Blanco destaca en CTV o “papel estratéxico da industria audiovisual galega”, xerando riqueza, emprego de calidade e proxección cultural
O delegado pon en valor a traxectoria da compañía galega como “unha historia de innovación, talento e compromiso con Galicia” e felicita á familia Jaber por 40 anos de éxitos producindo en galego
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe en Teo o “papel estratéxico da industria audiovisual galega”, cuxo dinamismo xera riqueza, emprego de calidade e proxección internacional para a cultura do país. Pedro Blanco visitou este martes as instalacións da produtora galega CTV xunto ao seu director xeral, Ghaleb Jaber Martínez; a súa directora de produción, Concha Fontenla, e a súa responsable de relacións externas e desenvolvemento de negocio, Ana Ferreirós.
Pedro Blanco puxo en valor a traxectoria da compañía galega como “unha historia de innovación, talento e compromiso con Galicia”, símbolo do bo momento que atravesa o sector, e “de apostar polo talento local e de crer que desde aquí podía competir cos mellores”.
Neste senso, salientou o éxito de CTV, que este ano cumpre catro décadas de actividade, como unha produtora pioneira que “soubo reinventarse constantemente” e que hoxe traballa con plataformas internacionais da relevancia de HBO, Netflix ou Amazon. “Aquí fanse as cousas ben, e o público sábeo e recoñéceo”, asegurou.
Durante a visita, o delegado reivindicou que a compañía continúe producindo “en galego, coa nosa identidade e co que somos”, demostrando que “é posible crear contidos competitivos e de referencia internacional sen renunciar ás nosas raíces”. Así, remarcou que nestes momentos “a nosa terra xa é todo un polo de referencia para o sector, con empresas de ámbito nacional trasladándose ao noso territorio para filmar os seus produtos, persoal técnico e artístico e actores e actrices protagonizando as producións españolas”.
Apoio do Goberno á industria galega
Pedro Blanco reafirmou o compromiso do Goberno de España co sector audiovisual, lembrando que nos dous últimos anos se destinaron máis de 11,2 millóns de euros en axudas á creación e produción audiovisual en Galicia. “Investir en cultura é investir no noso país”, subliñou. Estas axudas veñen de abrir a súa convocatoria para o ano 2026 con máis de 62 millóns de euros de orzamento, sete máis que na convocatoria correspondente ao 2025.
Así mesmo, destacou que o Ministerio de Cultura continúa traballando para fortalecer a cadea de valor e a competitividade da industria audiovisual galega, apoiando proxectos innovadores e xeradores de emprego. “Queremos que Galicia non só manteña a súa posición de referencia, senón que a amplíe. Hai capacidade, hai talento e hai vontade política para acompañar este crecemento”, apuntou.
Por último, felicitou á familia Jaber “por ter a visión de construír todo isto desde Galicia” e por manter unha aposta continuada pola excelencia e o desenvolvemento da industria audiovisual galega.
CTV, pioneira do audiovisual en galego
Ao longo das súas catro décadas de traxectoria, CTV foi protagonista de moitas primeiras veces no audiovisual en galego: desde a primeira ficción en galego, “Os outros feirantes”, ata formatos emblemáticos como “Supermartes” ou “Pratos combinados”. A produtora impulsou tamén o nacemento do colectivo profesional de dobraxe galega, con adaptacións tan recoñecidas como “As bolas do dragón” ou “Dallas”, e contribuíu recentemente a levar o galego a plataformas internacionais con “O sabor das margaridas”, o primeiro thriller orixinal en galego distribuído por Netflix en máis de 190 países. Actualmente continúa apostando por formatos de éxito como “Land Rober + Show”, converténdose nun referente da creación audiovisual en galego e da defensa e normalización da lingua propia.





















Comentarios