top of page

TVG estrea o vindeiro domingo no prime time unha nova serie, Ghuasapp, comedia familiar producida por CTV

Está protagonizada por Mercedes Castro e Evaristo Calvo, os avós da trama na que se narran as aventuras da familia Freire

 

Dirixida polo noiés Luis Avilés, é unha idea orixinal da guionista ourensá Alba Araújo

 

Unha nova serie da produtora CTV chega a Televisión de Galicia, Ghuasapp, unha comedia familiar que se estreará o vindeiro domingo, 10 de marzo, ás 22:00 horas no prime time da cadea autonómica. O fío condutor da obra é o grupo de WhatsApp dunha familia galega, os Freire, na que prima o humor verbal dos personaxes propios do universo galego e a sátira dos tópicos e costumes da vida actual.

 

A acción transcorre nunha vila rural moderna onde os usos e costumes tradicionais se adaptan aos cambios da sociedade. A familia Freire está formada por Lolo e Carme, os avós, un ex-mariñeiro e a matriarca devota de San Benitiño que ten na retranca a súa mellor arma. Xa xubilados, teñen tres fillos: Sindo, un perruqueiro divorciado cunha filla adolescente; Benito, coñecido como “Beni”, cantante frustrado e taxista de profesión; e Rosa, unha psicóloga, agora influencer que vive en Londres co seu marido John, un cirurxián que non pode exercer. O clan complétase co Nerea, filla de Sindo, que é a neta responsable e coach tecnolóxica da familia.

 

A produción está protagonizada por Mercedes Castro, que interpreta a Carme, actriz coñecida polos seus papeis en series como Pazo de familia, Águila Roja ou Hospital Central e en películas como Camino e Los fantasmas de Goya; Evaristo Calvo, que fai de Lolo, actor que participou anteriormente en series tan recoñecidas como Rapa, Un asunto privado, As bestas, A lei de Santos ou Vivir sin permiso; María Mera, que é Rosa na serie, actriz protagonista en series como Motel Valkirias, O sabor das Margaridas, Dalia, a modista ou O Faro, e presentadora doutros tantos programas de televisión, como o recentemente estreado concurshow de TVG Noite Xigante; Fernando Tato, que interpreta a Benito, actor que formou parte do reparto de series como Laura y el misterio de la novia que esperó demasiado de 2023 e outras anteriores como Libro de Familia ou Matalobos; Xoel Fernández, que fai de Sindo, actor coñecido polo público por participar en producións como Vivir sin permiso ou Fariña, ademais de traballar no filme Quien a hierro mata; Diogo Sales, que ten o papel de John, actor brasileiro que participou en producións como Pollos sin cabeza e na internacional Juego de Tronos; e Marta Costa, que se mete na pel de Nerea.

 

A serie, composta por 30 capítulos de 25 minutos cada un, está creada a partir dun modelo de realización multicámara. A obra é unha idea orixinal da guionista ourensá Alba Araújo, que traballou noutras producións como O Faro, Los Hombres de Paco ou Motel Valkiria. Ao fronte do equipo técnico atópanse Ghaleb Jaber Martínez e Xosé Arias (produción executiva), o noiés Luis Avilés Baquero (director, coñecido polo seu traballo en + Cuñados, Operación Marea Negra: La travesía suicida e Galicia Exprés ); e Luis Miles, Raquel Arias, Raquel Nogueira e Manuel Darriba (guionistas), entre outros profesionais que participaron no proxecto.

 

Sinopse de Ghuasapp

 

Os Freire son unha familia moi unida ata que comparten unha noticia no grupo do WhatsApp familiar. Nese momento, os conflitos xorden entre eles. Os maiores son os avós, Lolo e Carme, dous xubilados que comentan as novas do grupo familiar dende o seu hábitat natural: o salón da súa casa. O fillo máis vello é Sindo, un home divorciado que vive con Nerea, a seu filla adolescente que actúa como a súa gurú vital e sentimental. O fillo mediano, Benito, é un cantante de orquestra frustrado convertido en taxista por necesidade. A filla máis nova do matrimonio, Rosa, vive en Londres co seu marido, John, e trata de gañarse a vida como influencer. Os Freire son coma ti e como min, só que eles teñen a mecha moi curta e a lingua moi longa.

 

Os sete primeiros capítulos Ghuasapp xa están dispoñibles na plataforma AGalega da TVG.




Commentaires


bottom of page