CTV supera o 75 % de aforro enerxético tras renovar a iluminación dos seus platós co apoio do INEGA
- 22 jul
- 2 min de lectura
Actualizado: 29 jul
A produtora CTV deu un novo paso na súa estratexia de innovación e sustentabilidade coa renovación integral do sistema de iluminación dos seus platós, unha actuación que contou co apoio da subvención para proxectos de aforro e eficiencia enerxética do INEGA, cofinanciada pola Unión Europea.
A actuación permitiu substituír a anterior iluminación convencional por tecnoloxía LED de última xeración, o que se traduce nun aforro enerxético superior ao 75 % durante as gravacións, reducindo de forma significativa o consumo eléctrico e mellorando a eficiencia das instalacións.
Ademais da redución do consumo enerxético, a renovación marca un importante salto de calidade para a produtora. A nova instalación incorpora equipamentos profesionais da firma italiana Claypaky, unha das marcas de maior prestixio internacional no ámbito da iluminación para televisión, espectáculos e grandes eventos.
A diferenza coa tecnoloxía anterior é notable. Mentres os antigos focos HMI precisaban arredor de 1.200 W por unidade, os novos equipos LED ofrecen un rendemento moi superior cun consumo aproximado de 550 W, mantendo a máxima calidade lumínica e ampliando as posibilidades creativas nas producións audiovisuais; ademais de reducir o consumo de aire acondicionado.
Os novos sistemas incorporan ópticas e efectos de iluminación máis avanzados, que amplían as posibilidades creativas na realización de programas de televisión e permiten crear novas atmosferas visuais, mellorando a calidade estética das producións e ofrecendo unha maior versatilidade para futuros proxectos audiovisuais.
Con este investimento, CTV sitúase á vangarda tecnolóxica do sector audiovisual, apostando por equipamentos de referencia internacional que combinan innovación, eficiencia e sustentabilidade. A compañía reforza así o seu compromiso coa mellora continua das súas infraestruturas e coa incorporación de solucións que permiten ofrecer unha maior calidade técnica reducindo ao mesmo tempo o impacto ambiental da súa actividade.

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA (INEGA) - Ligazón



























Comentarios