top of page
  • White Facebook Icon
  • White Twitter Icon
  • White Vimeo Icon
  • White LinkedIn Icon
  • Google Places blanco Icono

A TVG estrea este xoves ‘Malas pécoras’, o seu primeiro talk show sobre sexo e relacións, despois do ‘Land Rober’

María Mera e Eva Iglesias dirixen o formato, con entrevistas desinhibidas, xogos co público e cos convidados, e conversas con expertos sobre estes temas

 

A psicóloga e sexóloga Vanessa Rodríguez e Boris Izaguirre serán os primeiros convidados do programa 

 

A Televisión de Galicia dálle este xoves a benvida a ‘Malas pécoras’, un talk show que reproduce unha auténtica noite de festa entre amigas. Nela, María Mera e Eva Iglesias convidarán cada semana famosos a falar sen filtros sobre todo o relacionado co sexo e as relacións sentimentais. As risas, as confesións candentes e os xogos co público non faltarán no programa, que se emitrá despois de ‘Land Rober + Show’.

 

Boris Izaguirre será o primeiro convidado, con confesións inesperadas e anécdotas persoais, lembrando a súa propia andanza televisiva e mesmo revelando que pasaba -ou podía pasar- no seu antigo camerino, sempre cun toque de humor picante. Tamén se atreverá con varios xogos que amosarán o seu lado máis espontáneo e persoal. Un inicio de tempada que marcará o ton do que será ‘Malas pécoras’: humor, relacións, sexo e conversa sen filtros. O primeiro programa contará tamén coa voz experta de Vanessa Rodríguez, psicóloga e sexóloga, que achegará coñecemento sobre o desexo sexual e a idade, axudando a comprender mellor os corpos, a menopausa e os cambios que experimentan tanto as mulleres coma os homes a medida que compren anos. 

 

En cada entrega contarase con especialistas que se unirán á cita para botar máis leña ao lume e divulgar sobre temas de interese amoroso, sexual ou relacións. Entre eles, sexólogas, terapeutas de parella, urólogos e matronas, así como con divulgadoras como Tamara Pazos (@putamen_t) e Déborah Bello (@deborahciencia), que achegarán unha perspectiva divulgativa e científica sobre feitos e curiosidades arredor deste tema.

 

‘Malas pécoras’ irá contando con variedade de convidadas e convidados, entre os que destacan Eddy Insua e Violeta Crespo (exconcursantes de ‘Gran Hermano’ e parella sentimental), Boris Izaguirre (escritor, colaborador e presentador), Sofía Cristo (picadiscos e personaxe televisiva) ou Chelo García (colaboradora de televisión), que se atreverán con declaracións e xogos que amosarán a súa parte máis íntima.



 
 
 

Comentarios


bottom of page