top of page

As ourensás Raquel Nogueira e Alba Araújo, primeiras clasificadas na convocatoria de axudas para a escritura de guións audiovisuais da Xunta de Galicia

Desenvolverán o guión inicial dun proxecto audiovisual:

·      Nogueira: Unha comedia historicista que segue a estela da súa web serie  “Historias Vageniales”, premiada nos Mestre Mateo 2023

·      Araújo: Unha serie na España dos anos sesenta, inspirada en feitos reais, sobre a historia dunha administrativa que consegue destacar na industria do celuloide

 

Ambas profesionais forman parte do equipo de guión da nova serie de CTV para TVG, Ghuasapp, o que demostra o compromiso da produtora e a cadea autonómica coa ficción e os novos talentos galegos

 

As guionistas da produtora CTV, Raquel Nogueira e Alba Araújo, son as dúas primeiras clasificadas da liña de axudas dirixida á escritura de guións audiovisuais, convocada pola Xunta de Galicia o pasado mes de decembro e cuxa resolución se anunciou a semana pasada con 170 proxectos presentados. Estas axudas perseguen o fomento audiovisual desde a primeira fase do proceso creativo co obxecto de darlle ánimo ao traballo de guionistas noveis e máis experimentados.

 

Ambas guionistas forman parte do equipo de guión da nova serie Ghuasapp, unha comedia familiar producida por CTV para Televisión de Galicia. A sitcom está dispoñible na plataforma AGalega da TVG e emítese os domingos no prime time da televisión autonómica. “Desde CTV e TVG seguimos apostando pola ficción galega e por novos talentos que demostran a súa valía, como é o caso destas dúas profesionais” –destaca Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV–.

 

A actriz ourensá Raquel Nogueira foi captada pola produtora compostelá para formar parte do equipo de guión da serie Ghuasapp, que se converteu no seu primeiro traballo como guionista. Tras presentarse a esta convocatoria de axudas, Raquel Nogueira conseguiu clasificarse en primeiro lugar na categoría B de autor non novel, polo que recibirá 10.000 euros para desenvolver o proxecto de guión antes do mes de outubro. 

 

Segundo a memoria descritiva presentada á convocatoria, Nogueira desenvolverá unha comedia documental e historicista sobre a historia das mulleres ao longo da humanidade, que se titulará previsiblemente “La historia entre tus piernas”. O proxecto estará baseado na súa exitosa webserie “Historias Vageniales”, traballo gañador dun Premio Mestre Mateo á mellor serie web en 2023. Nesta serie online de comedia, pensada para Instagram, a “vulva” de Raquel Nogueira reflexiona, desde unha perspectiva feminista, sobre pequenas e grandes cousas que dalgunha maneira son tabú na sociedade.

 

Raquel Nogueira iniciouse sendo nena no mundo da arte. Con só cinco anos, comezou a estudar canto e piano. Máis adiante, comezou a facer teatro e finalmente estudou interpretación na Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid. Traballou con compañías como a Fundación Siglo de Oro e formou parte do elenco de coproducións entre España e o Globe's Shakespeare Theater en Inglaterra.

 

Pola súa parte, a guionista Alba Araújo (Ourense, 1985) quedou clasificada en segundo lugar, xunto outros guionistas, nesta convocatoria de axudas, na categoría B de autor non novel, polo que recibirá 10.000 euros para desenvolver un guión. Araújo desenvolverá o guión para unha serie de televisión, “Los estudios”. Será unha serie de época, inspirada en feitos reais, na España dos anos sesenta. Segundo a memoria do proxecto, a serie trata sobre  “un estudio de cine que abre as súas portas nun país que vive de costas ao mundo e que está baixo as ordes dun ditador. En medio de todo isto, unha teimuda administrativa consegue destacar na complexa industria do celuloide e introdúcese nunha rodaxe tan espectacular como ruinosa”.

 

Alba Araújo, membro do equipo de Desarrollo de CTV, é a responsable da idea orixinal da serie Ghuasapp. Con anterioridade, traballou como guionista noutros importantes proxectos audiovisuais, como son O Faro, Los Hombres de Paco e Motel Valkirias. Tamén traballa como guionista do concurshow Noite Xigante e, anteriormente, escribiu a docuserie O camiño Portugués Pola Costa, emitida na TVG, e que foi recoñecida como  mellor programa de televisión turístico no Art&Tur International Tourism Film Festival.






 

bottom of page