top of page
  • Instagram
  • Facebook
  • X
  • LinkedIn
  • Vimeo
  • Google Places blanco Icono

A produtora audiovisual CTV impulsa o desenvolvemento profesional do seu equipo cun convenio con Galicia Business School

22 oct
2 min de lectura

A produtora, que leva 41 anos apostando polo talento galego diante e detrás das cámaras, asina un acordo para facilitar o acceso á formación especializada e promover novas oportunidades de desenvolvemento profesional.


A produtora audiovisual CTV e Galicia Business School asinaron un convenio de colaboración para impulsar a formación continua e o desenvolvemento profesional do equipo da produtora, así como achegar novas oportunidades de aprendizaxe ás persoas e empresas vinculadas á compañía.


Con 41 anos de traxectoria, CTV foi unha das produtoras pioneiras de Galicia e contribuíu ao desenvolvemento do sector audiovisual galego con proxectos como Supermartes, Land Rober ou Pratos Combinados. Ao longo destas décadas, a compañía mantivo o seu compromiso co talento galego, tanto diante como detrás das cámaras, unha aposta que continúa a reforzar coa apertura de novas vías de formación e crecemento profesional.

O director xeral de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, destacou a importancia de investir nas persoas e reforzar a formación empresarial nun sector tan diverso como o audiovisual:

«A aposta polo desenvolvemento do talento é un factor clave para calquera organización. Nunha produtora como CTV, a parte empresarial e de xestión é fundamental para acadar os resultados axeitados. Os traballadores son o principal capital dunha empresa e, para nós, é unha honra asinarmos este convenio, que ofrece ao noso equipo novas oportunidades de formación e desenvolvemento profesional».

Pola súa banda, o director de Galicia Business School, Eduardo García Erquiaga, puxo o foco na importancia da aprendizaxe continua e da formación práctica conectada coa realidade das empresas:

«Somos unha escola de profesionais para profesionais e da empresa para a empresa. A formación dun directivo ou dun xestor é un adestramento continuo ao longo de toda a súa vida laboral. O noso obxectivo é acompañar as empresas galegas cun modelo esencialmente práctico, no que profesionais en activo comparten a súa experiencia en xestión e liderado. Para nós, colaborar con compañías cunha clara vocación de desenvolvemento como CTV é un día para celebrar».

O convenio establece descontos en todos os cursos e másteres de Galicia Business School para os traballadores de CTV, ademais de dúas bolsas formativas anuais, que se sortearán entre o persoal da produtora.

Galicia Business School, especializada en formación empresarial e directiva e con sedes en Santiago de Compostela e Vigo, achegará a súa experiencia e metodoloxía práctica ao ámbito profesional de CTV. O acordo contempla tamén a posibilidade de organizar webinars, foros e encontros formativos, así como explorar novas iniciativas que favorezan o intercambio de coñecementos e dean resposta ás necesidades das dúas organizacións.

Con esta alianza, CTV continúa apostando polas persoas como parte esencial do seu percorrido e do futuro do audiovisual galego, mentres que Galicia Business School reforza a súa colaboración co tecido empresarial a través dunha relación aberta a novas iniciativas.

 



 
 
 

Comentarios


bottom of page