top of page

‘Motel Valkirias’ chega á TVG o 6 de marzo

Este mércores celebrouse a preestrea en Santiago, coa asistencia do elenco e de caras coñecidas da canle e do audiovisual galego e portugués


A serie, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres ao límite, é unha nova coprodución internacional na que participan a RTP e SPI portuguesas e a TVG e CTV galegas


‘Motel Valkirias’ consta de 8 episodios de 50 minutos, e o primeiro capítulo emitirase no prime time do vindeiro luns ás 22:40 horas



A nova serie da TVG ‘Motel Valkirias’ celebrou este mércores a súa preestrea no Auditorio Abanca de Santiago, cun evento ao que asistiu o equipo artístico e técnico desta nova coprodución internacional, ademais de autoridades e directivos de TVG, RTP, CTV e SPI. ‘Motel Valkirias’, unwestern fronteirizo protagonizado por tres mulleres que se atopan nunha situación límite, está protagonizada por María Mera (Infiesto, O sabor das margaridas), Marina Mota (Para sempre, Quer o destino), Maria João Bastos (A Rainha e a Bastarda, Amor, amor), e o gañador dun Goya, Chechu Salgado (Las leyes de la frontera, Fariña).


As actrices e actores protagonistas María Mera e Chechu Salgado, xunto con Tomás Alves, Alba Loureiro, Machi Salgado, Miro Magariños, Yelena Molina, Vicente Mohedano, Josito Porto e Neves Rodríguez, posaron no photocall de forma previa á proxección do primeiro capítulo da serie, que consta de 8 episodios de 50 minutos. O primeiro capítulo emitirase no prime time da TVG do luns, 6 de marzo (22:40 h).


O creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, explica que non fixeron unha serie para o algoritmo, senón para as persoas. “En CTV, cremos máis na calidade que no éxito. ‘Motel Valkirias’ fala da vida e de como, ás veces, necesitamos fuxir dela. É un drama fronteirizo, situado entre Galicia e Portugal, que ten un toque de western. Apostamos por unha trama, cociñada a lume lento, na que tres mulleres loitan por recuperar o control das súas vidas, mentres forxan unha grande amizade”, sinalou.


Pola súa parte, o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, salientou a "aposta da Televisión de Galicia pola ficción de calidade e polo talento desde Galicia. Con 'Motel Valkirias' reforzamos o apoio sostido da TVG ao sector audiovisual galego e á vez abrimos mercados coa industria portuguesa, nunha nova coprodución entre ambos países, que xa acadaron e exportaron grandes éxitos de ficción a outras canles e plataformas dixitais nestes últimos anos".


A estrea contou coa presenza do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim; o director da RTP1, José Fragoso; o director de CTV, Xosé Arias; o produtor executivo da produtora e creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, e tamén asistiron o administrador do grupo SP Televisão, Jorge Marecos; o administrador de SPi e CFO, Pedro Rosa; o responsable de Negocios e Coprodución de SPi, Manuel Claro, e a directora de Comunicación e Markéting da RTP, Marina Ramos.


Equipo e sinopse


Álex Sampayo e Jorge Queiroga son os directores desta ficción, que conta cun equipo de guionistas de ampla traxectoria integrado por Ghaleb Jaber Martínez, Raquel Arias, Alba Araújo, Patrícia Müller, Manuel Gancedo e Manuel Darriba. A serie é unha coprodución entre CTV e SPi, España e Portugal, coa participación de TVG, RTP, o apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre.


No ‘Motel Valquirias’ a vida de tres mulleres con grandes problemas persoais e económicos crúzase, de maneira fortuíta, cando coñecen a Elixio, un cliente que transporta unha mercancía valiosa. Así é como Lucía, unha nai que foxe do seu exmarido; Eva, unha actriz en declive, e Carolina, a dona dun motel en bancarrota, se unen nun plan que consiste en encontrar o misterioso botín de Elixio. O que non saben estas tres mulleres é que a súa vida corre perigo porque a mercancía pertence a unha banda perigosa que se dedica ao branqueo de cartos: os Mendonça. Un clan que non dubida en ir tras elas para recuperar o que é seu, custe o que custe.


‘Motel Valkirias’ está ambientada nun espazo singular: un motel fronteirizo, un lugar estancado no tempo, esquecido do progreso. Un limbo onde as normas se suspenden e onde todo pode pasar. É neste marco no que se sitúa a trama da serie, no que a modo de dramedia abórdanse temas como a presión social sobre as mulleres ou a precariedade económica á están expostas.



bottom of page