top of page

Tres proxectos audiovisuais ao abeiro das axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega

Programa financiado por Fondos FEDER da Unión Europea a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia


Son propostas destinadas a un público adolescente, youngs adults e adultos, do xénero da comedia e o paranormal e de temáticas de conflitos xuvenís, contraste de culturas e a maxia


Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV: “Estas axudas son a semente para que o sector creativo se poida nutrir de proxectos audiovisuais e abonalos correctamente para ir vendelos ao exterior”


A produtora audiovisual CTV recibe a concesión dunhas axudas para o desenvolvemento dun paquete de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, operación financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), unha maneira de facer Europa, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 para apoiar aos sectores máis afectados, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia.


CTV executará tres proxectos audiovisuais. Para a selección deste paquete de proxectos, CTV seguiu unha serie de criterios, como as audiencias estratéxicas onde apostou por atraer novos targets, identificar públicos emerxentes e audiencias fieis que se organicen en comunidades de fans ou mercados estratéxicos, neste caso público adolescente, youngs adults e adultos; as tendencias de mercado que a produtora analiza periodicamente, a través de informes de empresas especializadas do sector ou informes propios sobre o panorama audiovisual, detectando neste momento tres tendencias en auxe: contido xuvenil, as adaptacións e os formatos curtos de 20 a 30 minutos por capítulo; e a diversificación de xéneros e temáticas, onde para estes proxectos apostaron polo xénero da comedia e o paranormal e as temáticas de conflitos xuvenís, contraste de culturas e a maxia. Para a selección do equipo creativo, CTV seguiu dous criterios, a traxectoria e o perfil profesional.


O produtor executivo de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, explica que estas axudas son importantes para impulsar a faceta de desenvolvemento de produtos audiovisuais e fomentar o aspecto competitivo das empresas do sector a nivel nacional e internacional. “Estas axudas son a semente para que o sector creativo se poida nutrir de proxectos audiovisuais e abonalos correctamente para ir vendelos ao exterior” –sinala–. Jaber Martínez considera que con estas axudas CTV recibe o apoio para desenvolver estes tres proxectos enfocados a diferentes públicos, un thriller de misterio, unha comedia romántica co Islam como protagonista e outra comedia rural que xorde dunha adaptación libre da obra de Álvaro Cunqueiro Os outros feirantes.


Promoción de talento, departamento de Desenvolvemento e IPs consolidadas


Desde os seus inicios, CTV aposta por potenciar a cultura e lingua galegas coas súas producións. Un bo exemplo son as series Air Galicia, Pepe, o inglés, O Nordés ou Dalia, a modista. As últimas producións de CTV, O sabor das margaridas e Motel Valkirias, seguen a mesma liña e serven de escaparate do talento galego ante un público global.

Outra das claras inclinacións de CTV desde o inicio da súa traxectoria é a baza do talento, tanto en ficción como en entretemento, converténdose nunha auténtica lanzadeira de profesionais, técnicos e artísticos. Neste punto, en relación á promoción de talento, CTV ten como obxectivos ampliar o equipo de desenvolvemento, apostar por profesionais emerxentes e solventes e asistir a feiras e mercados para captar aos mellores profesionais do sector.


En 2019, a produtora pon en marcha uno dos poucos departamentos de Desenvolvemento de Galicia. Este departamento está liderado por Ghaleb Jaber Martínez, showrunner de O sabor das margaridas e Motel Valkirias. O obxectivo do departamento é a creación de IPs propias (Propiedades Intelectuais). Este obxectivo entronca cunha tendencia actual do sector que é a de apostar pola independencia dos produtores fronte ás canles de televisión e as plataformas. Un bo exemplo do que significa apostar pola creación de IPs propias é O sabor das margaridas, xa que a serie alcanzou o top 10 das máis vistas en Netflix. Datos os magníficos resultados, a produtora pretende repetir este modelo nos seus futuros proxectos. Así, nos últimos anos, CTV estableceu con Onza, unha distribuidora nacional, un traballo de distribución que se realiza conxuntamente coa axente de vendas de CTV. E, por suposto, de maneira xenérica e global, CTV ten entre os seus obxectivos a innovación e actualización tecnolóxica de instalacións e equipos.


Historial de CTV: fitos, historia, premios e producións destacadas


CTV nace en 1985 e convértese nunha das primeiras produtoras audiovisuais de España. Nos seus 37 anos de historia, crea e produce miles de horas de programación: series, documentais, longametraxes e formatos para todos os públicos. Tamén ofrece unha ampla variedade de servizos para outras produtoras e canles de televisión. O tamaño das súas instalacións e a súa capacidade produtiva e tecnolóxica, convertérona nunha empresa de referencia na industria audiovisual do noso país.


CTV lidera a produción de entretemento en Galicia, xa que os seus programas teñen as audiencias máis altas do prime time galego. Estas producións pódense levar a cabo grazas ao seu amplo equipo técnico e artístico: máis de 80 profesionais, altamente cualificados e experimentados.


Os éxitos de audiencia e os premios recibidos avalan a traxectoria e o bo facer de CTV. Entre os seus galardóns destacan: o Premio Iris polo programa Land Rober Tunai Show, o Premio Mestre Mateo polas ficcións Dalia, a modista e Air Galicia e o Premio da Cultura Galega polo thriller O sabor das margaridas. Este último proxecto acadou o top 10 de series máis vistas en Netflix España, Arxentina, Uruguai, Grecia e Romanía, situando a CTV no panorama internacional.


A traxectoria de CTV está marcada polo seu firme compromiso co audiovisual galego. A empresa aposta por producións en versión orixinal galega e por producir, en Galicia, para canles e para outras entidades do sector, tanto a nivel rexional como nacional ou internacional. Un dos obxectivos prioritarios de CTV é fomentar a expansión e a consolidación do tecido industrial galego, apoiándose no talento técnico e artístico da comunidade, así como nas súas infraestruturas e comunicacións co resto de España e do mundo. Por todo isto, CTV cre que Galicia é un lugar estratéxico e idóneo para desenvolver calquera produción audiovisual.


[“Axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H)”]


bottom of page