O equipo de desenvolvemento de CTV amplíase co guionista Eligio R. Montero

O coruñés, autor do guión de Buñuel en el laberinto de las tortugas, gañadora en 2020 do Premio Goya á mellor película de animación, desenvolverá o proxecto O xuíz Cunqueiro, unha adaptación libre da obra de Álvaro Cunqueiro, publicada pola editorial Galaxia, Os outros feirantes


Trátase dunha serie procedimental do xénero da dramedia fantástica que “pon en valor a cultura, a lingua e a paisaxe galegas”


É un proxecto audiovisual ao abeiro das axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiado por Fondos FEDER da Unión Europea a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia


A produtora audiovisual CTV engade ao seu equipo de desenvolvemento a un profesional de marcado prestixio no sector, o guionista coruñés Eligio R. Montero. Desenvolverá o guión para un proxecto audiovisual que está a dar forma actualmente a produtora compostelá, unha serie titulada O xuíz Cunqueiro, grazas ás axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega para o desenvolvemento dun paquete de propostas audiovisuais destinadas a alcanzar a recuperación económica do sector. Estas axudas están financiadas pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), unha maneira de facer Europa, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 para apoiar aos sectores máis afectados, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia.


O xuíz Cunqueiro é unha adaptación libre da obra de Álvaro Cunqueiro, publicada pola editorial Galaxia, Os outros feirantes, unha historia cun marcado carácter galego, que se reflicte nos seus personaxes, paisaxes e tramas. A serie ten un enfoque local-global, é dicir, trata emocións universais desde un espazo moi particular, unha vila do interior de Galicia. “É unha historia baseada nunha IP consolidada, cun autor reputado e unha obra recoñecida, e que pon en valor a cultura, a lingua e a paisaxe galegas” –asegura Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV–.


A serie pódese encaixar dentro do xénero da dramamedia fantástica. Ademais, defínese como unha serie procedimental –con seis episodios autoconclusivos de trinta minutos cada un–, un xénero cun público fiel e que non depende das tendencias do mercado. Polo tanto, a serie podería ter unha distribución rexional, nacional ou internacional. Ao mesmo tempo, o produtor executivo de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, sinala que el mercado do países celtas, como Irlanda ou Escocia, pode sentirse atraído por esta historia, porque comparten trazos culturais, sociais e paisaxísticos con Galicia. “O xuíz Cunqueiro é unha serie de autor que pretende satisfacer a un público, xeralmente adulto, que busca contido premium e que explora a realidade galega desde un xénero e un subxénero universais: a fantasía e o procedimental” –explica Jaber Martínez–.


A sinopse do proxecto: Gaula é unha vila máxica repleta de personaxes estrafalarios e de historias surrealistas. A morte do xuíz de paz, Amelio Cunqueiro, ten lugar nun momento bastante inoportuno porque a vila está inmersa nun dos seus conflitos habituais. No funeral do xuíz, os veciños de Gaula convencen a César, o sobriño de Amelio, para que o substitúa nas súas funcións. César acepta a encarga porque ten serios problemas económicos. A partir dese momento, César enfróntase a unha vila excéntrica, na que os seres mitolóxicos existen, os homes e as mulleres teñen poderes e os obxectos falan, causando conflitos entre os veciños. O novo xuíz de paz conta coa axuda de seu tío morto que aparece, de vez en cando, na vella casa familiar para axudalo no seu labor. Esta situación incomoda a César, un home racional que acaba por confundir realidade con fantasía.


Traxectoria profesional de Eligio R. Montero


Eligio R. Montero (A Coruña, 1970) é o creador desta historia, un guionista autor do guión de Buñuel en el laberinto de las tortugas, película gañadora do Premio Goya á Mellor Película de Animación en 2020, coescrita con Salvador Simó Busom. Licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Eligio tamén se titulou en Produción e Realización Audiovisual pola Escola de Imaxe e Son da Coruña (EIS).


Comezou a súa andaina profesional na produción e a produción executiva en “Eloy Lozano Producciones” e “Continental S.L.”, para publicidade, cine e televisión, encargándose ademais de buscar coproducións e financiamento internacional (Berlín, Londres, Cannes…).


A partir de 1999 comeza a traballar como guionista profesional, primeiro en aplicacións multimedia, videoxogos, publicidade e documentais, para pasar á ficción a partir de 2001, primeiro en Galicia, onde traballou en varias das series de maior éxito da cadea autonómica TVG: Galicia Express, Pequeno Hotel, Mareas Vivas, Pratos Combinados, Rías Baixas, Terra de Miranda, A Vida por Diante, El Show de los Tonechos, etc., sendo, ademais, cocreador de dúas das series máis galardoadas (dentro e fóra de España) da televisión galega: As Leis de Celavella e Padre Casares.


Aínda que xa antes fixera algunha incursión na ficción nacional (como dialoguista en Al Salir de Clase), a partir do 2007 trasládase a Madrid e comeza a traballar para series nacionais: Desaparecida, UCO, Guante Blanco, Gran Reserva, Hispania, Gran Hotel, Bajo Sospecha, Seis Hermanas, Caronte, El sabor de las margaritas, Hierro 2… Nelas desempeñou todo tipo de labores e cargos: creación, coordinación, argumentos, diálogos…


Varias series nas que traballou gañaron numerosos premios nacionais (Mestre Mateo, Iris, Alma, TP, etc.) e internacionais (festivais de televisión de Nova Iork, Seul, Montecarlo, etc.) e vendéronse a numerosos países: Francia, México, Estados Unidos, Rusia, Arxentina, Italia, Chile… Persoalmente, recibiu o premio Mestre Mateo ao mellor guión en tres ocasións e o premio Alma ao mellor guión nacional de televisión nunha ocasión. Tamén fixo incursións na novela (La Viña Vieja, editorial Planeta).



[“Axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H)”]