top of page

Lidia Fraga incorpórase a CTV como guionista tras unha longa listaxe de éxitos

· A oleirense está a desenvolver o guión dun proxecto da produtora compostelá, un thriller de temática paranormal chamado O círculo de Gaia, que promete enganchar ao público xuvenil

· A trama conta como alumnos e profesores da antiga Universidade de Gaia investigan fenómenos paranormais recollidos nun misterioso libro que atopan nun arquivo secreto


É un proxecto audiovisual ao abeiro das axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiado por Fondos FEDER da Unión Europea a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia


A produtora audiovisual CTV suma un novo profesional ao seu equipo de desenvolvemento, a guionista Lidia Fragacunha dilatada traxectoria en todos os xéneros de ficción. O seu primeiro traballo será desenvolver o guión para un proxecto audiovisual que está a dar forma actualmente a produtora compostelá, unha serie titulada O círculo de Gaia, grazas ás axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega para o desenvolvemento dun paquete de propostas audiovisuais destinadas a alcanzar a recuperación económica do sector. Estas axudas están financiadas pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), unha maneira de facer Europa, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 para apoiar aos sectores máis afectados, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. “A ampla experiencia de Lidia Fraga fará que a serie adquira unha maior dimensión e calidade”, asegura Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV.


Lidia Fraga (Oleiros, A Coruña, 1976) é unha guionista e realizadora con vinte e dous anos de experiencia no audiovisual galego. O seu debut en series foi Padre Casares (TVG), candidata a catro Ninfas de Ouro no Festival de Televisión de Montecarlo. Traballou en dezaseis series (sete de creación propia) emitidas en España, Portugal, Brasil, Francia, Alemaña, Estados Unidos e Rusia, entre outros países.


Aínda que escribe todo tipo de formatos e xéneros, nos últimos anos especializouse en thrillers, como Serramoura (TVG), catro veces gañadora do Premio Mestre Mateo a Mellor Serie; A Estiba (TVG), nomeada a Mellor Serie no Celtic Media Festival; ou Hierro (Movistar+), coprodución hispano-francesa pola que recibiu o Premio Mestre Mateo ao mellor guión, e o Premio ALMA ao mellor guión de serie dramática. O seu traballo máis recente foi no thriller Montecristo, protagonizado polo famoso actor cubano William Levy, serie ​que se estreará en 2023 en ViX+, servizo de streaming de pago en español máis grande do mundo.


O círculo de Gaia (título internacional The Gaia Circle) é unha serie de suspense en desenvolvemento, un thriller de temática paranormal destinado a un público xuvenil que segue referencias tan recentes como as series de Netflix Stranger Things (2016), Dark (2018) ou Ragnarok (2020). Ghaleb Jaber Martínez, explica que as claves do proxecto son a temática paranormal, cun índice de saturación baixo no mercado audiovisual e cun fenómeno fan bastante fiel; e a trama estudantil, que permitirá a incorporación orgánica de personaxes doutros países á serie, que ademais será adaptable a público de calquera país ao abordarse temas universais. Así, a serie está destinada a un público xuvenil (15-25 anos) e young adult (25-35 anos), e segundo matiza Jaber Martínez apela á nostalxia millenial pola súa estética e referentes, aínda que tamén é capaz de conquistar a un público máis novo –Xeración Z (maior consumidor de contido online)– debido á súa temática paranormal, compoñendo un universo serial con protagonistas mozos, unha trama de misterio e unha temática estudantil.


O plan inicial formula unha serie de oito capítulos de cincuenta minutos cada un en localizacións galegas, unha coprodución internacional de CTV que contempla a colaboración con Comarex, distribuidora e produtora mexicana cun gran peso no mercado audiovisual latinoamericano.


Segundo a sinopse da serie, na centenaria Universidade de Gaia, cinco alumnos descobren un misterioso libro nun arquivo secreto da Facultade de Psicoloxía. Ao libro fáltanlle páxinas e recompila varios fenómenos paranormais que tiveron lugar en Gaia hai séculos. Os cinco alumnos e Valeria, unha profesora novata, deciden investigar estes sucesos coa axuda do doutor Durán, unha eminencia na materia, que vive retirado da vida académica desde a tráxica desaparición da súa familia. A causa destas investigacións, alumnos e profesores enfróntanse a diferentes fenómenos paranormais. Algúns teñen unha explicación científica, pero outros convértense nun auténtico misterio sen resolver. O estudo dun destes sucesos, o da páxina número 12, achega dúas informacións clave: as causas da desaparición da familia do doutor Durán e o estraño vínculo entre os cinco estudantes e os autores do libro.


[“Axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H)”]




bottom of page