CTV traballa no desenvolvemento dun novo proxecto audiovisual, a comedia romántica Islamización


· O seu creador é o produtor executivo e showrunner de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, que tamén é guionista xunto a ourensá Alba Araújo, que traballou en series como O Faro, Los Hombres de Paco ou Motel Valkirias

· A idea argumental da serie céntrase nunha aposta entre dous compañeiros de traballo que acaba cun deles convertido ao islam e atopando o amor


Jaber Martínez:Islamización dá voz a xente que, como eu, creceu entre dúas culturas, sendo unha persoa que en Occidente é vista como árabe e que no mundo árabe é tratada como europea”


É un proxecto audiovisual ao abeiro das axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiado por Fondos FEDER da Unión Europea a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia


A produtora CTV está traballando actualmente nun novo proxecto audiovisual chamado Islamización, un traballo que desenvolve grazas ás axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega para o desenvolvemento dun paquete de propostas audiovisuais destinadas a alcanzar a recuperación económica do sector. Estas axudas están financiadas pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), unha maneira de facer Europa, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 para apoiar aos sectores máis afectados, xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia.


Islamización está concibido como unha rom-com, unha comedia romántica prevista en seis capítulos de media hora cada un. A idea resumida céntrase nunha aposta entre dous compañeiros de traballo que acaba cun deles convertido ao islam e atopando o amor. O produtor executivo e showrunner de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, é o creador e tamén guionista do proxecto xunto con a ourensá Alba Araújo, guionista de O Faro, Los Hombres de Paco e Motel Valkirias.


Trátase dun proxecto persoal de Ghaleb Jaber Martínez, dadas as súas raíces palestinas. “Islamización dá voz a xente que, como eu, creceu entre dúas culturas, sendo unha persoa que en Occidente é vista como árabe e que no mundo árabe é tratada como europea, sen chegar a ser ningunha das dúas cousas e todas á vez” –comenta–. Explica que ata o momento, as historias sobre a comunidade inmigrante contáronse desde a viaxe persoal e o autodescubrimento, desde o drama e desde un punto de visto anglosaxón, en cambio aclara que en Islamización a trama nárrase a través dunha historia de amor, “un relato universal e atemporal” tratado a modo de comedia e cunha formulación europea. “É unha comedia honesta que nos reconcilia con nós mesmos, que é cálida e ácida ao mesmo tempo e que, en ocasións, fainos reflexionar, ademais de ter a historia de amor de fondo que a converten nunha serie emocionante, vertixinosa e tenra” –describe–.


Por iso, Jaber Martínez considera que o humor é a vía perfecta para explicar emocións complexas e para que a audiencia poida empatizar con certas mensaxes de maneira rápida e fácil. Engade que grazas á relación sentimental dos protagonistas, explícanse conceptos básicos sobre a integración doutras comunidades en España e Galicia ou en calquera lugar do mundo, como son o papel da familia, as afeccións, o traballo, as tradicións e a forma de ver a vida.


Ghaleb Jaber Martínez explica que o proxecto é unha comedia cun claro fío condutor, o amor, xa que segundo sinala a temática romántica é a tendencia máis destacada da temporada, producíndose no último ano un auxe das telenovelas e os dramas amorosos xuvenís. Polo tanto, o target será o young adult (de 25-35 anos) e adultos (de 35-45 anos).


Como referentes, o proxecto segue unha serie de exemplos argumentais de producións de éxito como o filme Ocho apellidos vascos ou a serie Ramy, polo que o proxecto apunta a un argumento baseado no contraste cultural, adaptable a calquera país do mundo.


Ademais, a produtora destaca que este é un proxecto de serie de nicho sobre a comunidade musulmá que explota a visión persoal do seu creador, Ghaleb Jaber Martínez. “As historias sobre comunidades e minorías son as máis demandadas polo público de plataformas durante as últimas temporadas” –apunta Jaber Martínez–. Tamén desde a produtora destacan que o estilo desta comedia romántica pode permitir a incorporación de cameos de cómicos, influencers ou actores nacionais ou internacionais.


Converterse ao islam para conquistar a unha moza pode parecer estúpido, pero facelo por unha aposta cun compañeiro de traballo, é peor aínda. Así, a sinopse inicial do proxecto conta como Antón, enxeñeiro informático de 32 anos bastante mediocre, coñece a moza Farah, a nova compañeira de oficina e a súa xefa. Guiado por Nadim, o único musulmán que coñece, Antón métese en situacións ridículas, quedando coma un auténtico idiota ante Farah e toda a súa familia. Todo sairía á perfección se non fose porque Farah descobre que Antón só se achegou a ela para gañar unha aposta. Farah deixa plantado a Antón xusto cando o enxeñeiro estaba a punto de conquistala. De nada serve a espectacular desculpa de Antón, nin que se dese de conta de que, de verdade, lle gusta Farah, porque a súa capacidade para meter a pata si que é espectacular.



[“Axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H)”]




Entradas destacadas