top of page

A serie de CTV “Dalia, a modista” salta da televisión á novela coa adaptación de Noe Martínez

A trama de misterio, ambientada na vila de Prescedo, pon a Dalia, a protagonista, no centro da historia onde investiga os segredos familiares e o asasinato da súa nai


O libro, á venda a partir de hoxe nas librarías de Galicia, foi presentado na Cidade da Cultura coa participación da produtora CTV, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a CRTVG


· Ghaleb Jaber Martínez: “Trátase dun proxecto editorial de grande innovación no que se transformou unha serie de televisión en novela, grazas ao esforzo de adaptación do guión en literatura realizado por Noe, polo que animamos aos lectores a redescubrir e descubrir algo novo desta historia”

· Noe Martínez: “O proceso creativo significou unha viaxe á inversa, do universo creado e sentido en imaxes ao mundo das palabras”

· Xaime Arias: “Levamos varios anos buscando o camiño que nos leve ao cidadán, ao público, e por iso estamos neste proxecto innovador de CTV, unha empresa arriscada e innovadora”

· Valentín García: “A novela terá un éxito parello á serie producida en Galicia, escrita desde Galicia e pensada en clave galega”


A produtora CTV, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a CRTVG presentaron hoxe xoves no Centro Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago a novela “Dalia, a modista”. Presidiron o evento o produtor executivo de CTV e guionista da serie de televisión “Dalia, a modista”, Ghaleb Jaber Martínez; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; e a autora da novela e tamén guionista da serie de televisión, Noe Martínez. Tamén asistiu ao acto parte do elenco da serie, como a actriz protagonista María Mera, e o actor Manuel San Martín.


A novela “Dalia, a modista” foi escrita por Noe Martínez (Ourense, 1975), unha das guionistas, xunto a Eligio R. Montero e Ghaleb Jaber Martínez, da aclamada serie de televisión de TVG –creada por CTV e emitida en 2016–, que recibe o mesmo nome, e que conquistou o corazón de miles de espectadores en todo o mundo. Agora, Noe Martínez novelou esta trama de ficción televisiva para levarnos de novo á pequena vila de Prescedo.


Ghaleb Jaber Martínez agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, CRTVG e o traballo de todo o equipo de CTV. Ademais, matizou que se trata dun proxecto editorial de grande innovación no que se transformou unha serie de televisión en novela, grazas ao esforzo de adaptación do guión en literatura realizado por Noe Martínez, polo que animou aos lectores a “redescubrir e descubrir algo novo desta historia”. Así, para refrescar a trama proxectouse un vídeo para promover a novela, baseada na exitosa serie de televisión que “conquistou o corazón de miles de espectadores”, segundo narra a frase promocional. Jaber Martínez anunciou tamén que o libro estará a venda a partir de hoxe nas libraría de Galicia.


Volvendo a vista atrás, Jaber Martínez lembrou que coa serie “Dalia, a modista” CTV arrancou unha nova etapa, conseguindo que unha produción en galego se vise en América Latina, Estados Unidos e Europa, ofrecendo así ao audiovisual en galego a posibilidade de viaxar.


Noe Martínez explicou que o proceso creativo e de adaptación do guión á novela significou unha viaxe á inversa, “do universo creado e sentido en imaxes ao mundo das palabras, sempre rico e único, co que hai que transmitir emocións xa contadas, coma se fosen novas”.


O reto para Noe Martínez foi camiñar polo camiñado, sen esquecer que o lector merece non perder a ilusión das primeiras veces, aquilo de “xa sei que sabes, pero deixa que cho conte”. A súa máxima centrouse en todo momento en non disfrazar os personaxes, tan rotundos como orgánicos, que tan ben encaixaban no guión da serie. “Contención, rigor, respecto e verdade, xogar con eles en situacións xa vividas na pantalla, pero que na linguaxe literaria cobran un vigor e unha tensión absolutamente nova e persoal” –indicou–.


A autora manifestou que o proceso de transformación do guión visual ao literario respondeu sempre ás pautas de comprensión das tramas verticais e horizontais dos distintos capítulos da serie, para extraer os elementos dinamizadores do posterior relato literario; destilación daqueles artificios visuais que enriquecen as escenas, pero que en narración se converten en descricións e sensacións; e crecemento dos personaxes, dotándoos na escrita de matices moi persoais, que inciden nas personalidades xa coñecidas e fixadas polo espectador.


Pola súa parte, Xaime Arias amosou a satisfacción que supuxo para a CRTVG participar neste libro porque implicou explorar e innovar. “Os paradigmas cambiaron na comunicación de ficción, nas plataformas, na televisión lineal e á carta. Levamos varios anos buscando o camiño que nos leve ao cidadán, ao público, e por iso estamos neste proxecto innovador de CTV, unha empresa arriscada e innovadora” –engadiu­–. Continuou explicando como a serie en galego “Dalia, a modista” foi pioneira en vender dereitos a outros países, e “O sabor das margaridas” foi a primeira serie de ficción en galego que chegou a través de Netflix a 180 países. E este traballo continuará cunha nova serie de CTV para Televisión de Galicia, pendente de presentación, como é “Motel Valkirias”.


Valentín García sinalou a importancia de que a literatura galega se incorpore a unha das tendencias emerxentes nestes momentos, como son as novelas e os relatos literarios xurdidos a partir das series televisivas de éxito. “Neste senso, ‘Dalia, a modista’, ademais de ser obra dunha produtora de nivel como é CTV, conta como protagonista principal con María Mera, unha das nosas actrices de máis recoñecido prestixio, e presenta agora esta novela que terá un éxito parello a esta serie producida en Galicia, escrita desde Galicia e pensada en clave galega” –destacou Valentín García–. Apuntou tamén que a revisión da corrección lingüística da novela correu a cargo de Cristina Quinteiro.


A novela encerra unha trama de misterio, amor e superación, ambientada nos anos 50. Sinopse: Coa súa máquina de coser e moitas preguntas por responder, Dalia chega a Prescedo tras a morte de súa nai en estrañas circunstancias. Por casualidade, atopa unhas cartas nas que non só descobre a dobre identidade da nai, senón tamén un amor clandestino. Esas visitas alegres do curmán Alberte que tan bos momentos lle regalara de nena agochaban algo máis ca un cariño familiar.


Ansiosa por saber a verdade, Dalia chega a Prescedo. Alí, atópase cun lugar cheo de misterios e segredos para os que non ten resposta. Por fortuna, non tarda en facer amizade con Valentina, a filla da antiga socia de súa nai. Coa certeza de que a nai foi asasinada, oculta a súa verdadeira identidade para poder investigar. A confección do vestido para a presentación en sociedade da filla do conde Alonso Herbaloba é a escusa perfecta para entrar no lugar no que todo empeza a encaixar.


“Misterio, drama e amor, unha historia luminosa e trepidante na que unha estirpe e un apelido loitan con unllas e dentes para recuperar unha herdanza perdida, a única táboa de salvación da decadencia que os afoga” –sinala a autora–.


Noe Martínez é diplomada en Guión de Ficción de Cine e Televisión (Instituto de Cine de Madrid). Irrompe no eido editorial con “Señálame un imbécil y me enamoro” (Ézaro ediciones). Séguenlle “¡Quiero un hombre magdalena!” (Ediciones B), “A otra princesa con ese cuento” (Ézaro ediciones), “Cenicienta siempre quiso un Wonderbra” (Vergara), “Nunca te fíes de un chico que no toma postre” (Ézaro ediciones) e “¡Porque lo digo yo, que soy mamá!” (Ézaro ediciones). E “Regalo de memoria” (Teófilo ediciones), o relato da vida de Ghaleb Jaber, un empresario palestino residente en Galicia.


A serie prográmase en TVG2 desde o mércores ata o venres desta semana, a partir das 17:30 horas, ademais de estar dispoñible na sección Á CARTA, GALICIA EN SERIES da web


“Dalia, a modista” é unha serie de TVG creada por CTV, que se estreou en 2016 cun grande éxito de audiencia e crítica. É a primeira ficción en galego que viaxou a outros países de Europa, Estados Unidos e América Latina, e está protagonizada por María Mera, David Seijo, Xoán Fórneas, Machi Salgado e Rebeca Stones. Aproveitando a publicación da novela, TVG2 programou a serie “Dalia, a modista” para o mércores-14, o xoves-15 e o venres-16 a partir das 17:30, ademais de estar dispoñible na sección Á CARTA, GALICIA EN SERIES da web https://www.crtvg.es/en-serie/as-nosas-series/dalia-a-modista.


CTV, produtora pioneira do audiovisual español, lidera o prime time galego desde 1985 e é recoñecida internacionalmente pola serie O sabor das margaridas, dispoñible en Netflix.


FICHA TÉCNICA


Título: Dalia, a modista

Subtítulo: Ninguén pode fuxir dos fíos do pasado

Novelada por: Noe Martínez

Guión: Noe Martínez, Elixio R. Montero e Ghaleb Jaber Martínez

Primeira edición: Xuño 2022

Edición: Comunicación Global, SA

Tradución ao galego e revisión lingüística: Cristina Quinteiro Suárez

ISBN: 978-84-125739-0-9

Depósito Legal: C 1064-2022

Impresión: Tórculo Comunicación Gráfica

P.V.P: 17€

Nº páxinas: 588

Formato: Tapa branda con solapas

Tamaño: 23x15 cm


Descarga o vídeo promocional da novela: https://we.tl/t-PDAtC2c5Ui



bottom of page