top of page
  • White Facebook Icon
  • White Twitter Icon
  • White Vimeo Icon
  • White LinkedIn Icon
  • Google Places blanco Icono

TVG busca ao novo rei ou raíña da comedia en Galicia cun talent show que comezará a emitirse no prime time deste vindeiro domingo

‘O novo rei da comedia’, producido por CTV, terá 12 programas no que participarán dez concursantes chegados de diferentes puntos de Galicia

 

O humorista Miguel Lago estréase como presentador da cadea con este formato no que os actores Carlos Blanco e Patricia Vázquez e o influencer Xurxo Carreño actuarán como xurado profesional

 

à Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025 (Vía Láctea Comunicación)

 

A Televisión de Galicia e CTV presentaron, no estudio da produtora en Teo, o programa ‘O novo rei da comedia’, que chegará ao prime time da TVG este vindeiro domingo, 9 de marzo. No acto participaron o director de Contidos da TVG, Fernando R. Ojea; o produtor executivo de CTV, Ghaleb Jaber Martínez; o presentador do concurso, o humorista Miguel Lago; os dez participantes; e tamén o xurado do concurso, integrado polos actores Carlos Blanco e Patricia Vázquez e polo influencer Xurxo Carreño.

 

Esta nova aposta da TVG pola comedia vai descubrir máis talentos do humor galego, seguindo a estela do exitoso concurso emitido pola canle a comezos da década dos 2000. No talent show haberá monólogos, sketchs humorísticos e entrevistas na rúa, entre outras sorpresas. Os dez concursantes, procedentes das catro provincias galegas e elixidos nun casting realizado por CTV por toda a comunidade, competirán por facerse co título do novo rei ou raíña da comedia.

 

‘O novo rei da comedia’ estará conducido polo humorista vigués Miguel Lago e contará cun xurado composto por tres personalidades do mundo do espectáculo: os actores Carlos Blanco e Patricia Vázquez e o influencer Xurxo Carreño.

 

O programa é un fantástico escaparate no que que os participantes fan unha exhibición das súas calidades artísticas, tanto individualmente como en probas de parella ou mesmo colectivas. Ao rematar as actuacións, o aspirante con máis puntos é declarado o novo rei ou raíña da comedia dese programa, ata que ao final só quede un rei ou raíña definitivo.

 

Ghaleb Jaber Martínez explicou que ‘O novo rei da comedia’ é unha reedición dun programa que arrincou fai anos en CTV, xurdido dun formato orixinal de Producións Zopilote. Destacou que este novo talent show intentará descubrir o talento da comedia en Galicia, do que segundo asegurou Jaber Martínez “hai moito na nosa comunidade”, co fin de introducilo no universo da televisión.

  

“É un programa que nos permitirá rirnos, emocionarnos e pasar un bo rato, ademais de vivir as intrigas das dinámicas dos concursantes e coñecer un pouco máis a Miguel Lago, o condutor do concurso, na súa primeira aparición como presentador en TVG despois dun periplo por televisións nacionais como cómico” –sinalou–.

 

O produtor executivo de CTV manifestou que o programa ofrecerá un novo espazo para novos talentos ou xente que se queira dedicar ao mundo da comedia. “Serán 10 concursantes, homes e mulleres, que ao longo de 12 programas enfrontaranse a diferentes probas propostas polos guionistas e valoradas por un xurado profesional. Xa na recta final do programa comezará a fase de eliminacións ata chegar a un único gañador que se coroará como o novo rei ou raíña da comedia en TVG” –engadiu–.

 

CTV, a produtora

 

Desde 1985, CTV crea e produce miles de horas de programación: series, documentais, longametraxes e formatos para todos os públicos. Tamén brinda unha ampla variedade de servizos a outras produtoras e canles de televisión. O tamaño das súas instalacións xunto coa súa capacidade produtiva e tecnolóxica, convertérona nunha empresa de referencia na industria audiovisual do noso país.

 

CTV lidera a produción de entretemento en Galicia, xa que, os seus programas alcanzan as audiencias máis altas do prime time galego. Estas producións son posibles grazas ao seu amplo equipo técnico e artístico: máis de 80 profesionais altamente cualificados e experimentados.

Os éxitos de audiencia e os premios recibidos avalan a traxectoria e o bo facer de CTV. Entre os seus galardóns destacan: o Premio Iris obtido polo programa de entretemento Land Rober Tunai Show, o Premio Mestre Mateo polas ficcións Dalia, a modista e Air Galicia e o Premio da Cultura Galega polo thriller O sabor das margaridas.

 

Entre a súas últimas producións destacan as ficcións galego-portuguesas Motel Valkirias (HBOMax, TVG, RTP, GloboPlay) e Chegar a casa (Amazon, RTP, TVG); a primeira serie da plataforma AGalega Ghuasapp (TVG, AGalega); e o gameshow Noite Xigante (TVG, AGalega).




 

Comments


bottom of page