«Situámonos á vangarda do sector audiovisual»: Suso Penido explica o salto tecnolóxico na iluminación dos platós de CTV
«Situámonos á vangarda do sector audiovisual». Así resume Suso Penido, xefe de iluminación de CTV, o avance que supón a renovación integral do sistema de iluminación dos platós da produtora, unha actuación que combina innovación tecnolóxica, mellora da calidade audiovisual e eficiencia enerxética.
O proxecto permitiu substituír a iluminación convencional por tecnoloxía LED de última xeración, conseguindo reducir máis dun 75 % o consumo enerxético durante as gravacións. Unha mellora significativa que non só repercute no aforro eléctrico, senón tamén nas necesidades de climatización dos espazos, ao reducir a calor xerada polos equipamentos.
A renovación incorpora solucións profesionais da firma italiana Claypaky, unha marca de referencia internacional no ámbito da iluminación para televisión, espectáculos e grandes eventos. Os novos equipos ofrecen un rendemento moi superior ao da tecnoloxía anterior: fronte aos aproximadamente 1.200 W dos antigos focos HMI, os novos dispositivos LED funcionan cun consumo aproximado de 550 W, mantendo unha elevada calidade lumínica.
Ademais da eficiencia, esta transformación supón un importante salto nas posibilidades creativas. Os novos sistemas incorporan ópticas e efectos de iluminación máis avanzados, que permiten xogar con diferentes atmosferas visuais, explorar novos recursos estéticos e ofrecer unha maior versatilidade nas producións audiovisuais.
Esta actuación contou co apoio da subvención do INEGA para proxectos de aforro e eficiencia enerxética, cofinanciada pola Unión Europea.
Con este investimento, CTV continúa avanzando na modernización das súas infraestruturas, apostando por tecnoloxías que permiten elevar a calidade das producións e reducir ao mesmo tempo o impacto ambiental da súa actividade.





















Comentarios