top of page
  • White Facebook Icon
  • White Twitter Icon
  • White Vimeo Icon
  • White LinkedIn Icon
  • Google Places blanco Icono

Ghaleb Jaber, fundador de CTV e da Fundación Araguaney: "O audiovisual é esencial para a normalización do galego"

  • 14 ene
  • 6 Min. de lectura

Ghaleb Jaber Ibrahim (Einyabus, Cisxordania) chegou o 14 de febreiro de 1970 desde Palestina á Galiza para estudar Medicina. Desde entón converteuse en figura fulcral do audiovisual galego.


O tamén propietario do compostelán Hotel Araguaney este ano celebra o sorpaso dos 40 anos da produtora que fundou, CTV, e da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas.


A produtora CTV e a Fundación Araguaney están de aniversario; a primeira fai este mes 41 anos e a segunda celebra os 42. O seu fundador, Ghaleb Jaber Ibrahim, vén de recibir o Premio Talento 2025, co que a Academia de Televisión e das Ciencias e as Artes Audiovisuais recoñece a súa dedicación ao audiovisual galego.


—Como vostede sinala, CTV e Araguaney foron protagonistas de moitas primeiras veces, desde a instalación da primeira antena parabólica con tres canles á posta en marcha dos platós máis equipados, realizando programas que marcaron un antes e un despois nos anos 90 e recentemente sendo artífices do salto  do audiovisual en versión orixinal en galego a plataformas como Netflix. Como mudou o sector nestes 40 anos? Cando empezamos, o audiovisual case non existía na Galiza, realmente naceu a través da aprobación da Lei do audiovisual e da Lei das canles autonómicas; era cuestión de tempo que empezase. Presentei algunha idea ás amizades e gustoume este sector, aínda que nos rexeitaron o primeiro proxecto que presentamos ao que hoxe sería o Igape [Instituto Galego de Promoción Económica]. No Hotel Araguaney, o cal foi unha revolución dentro de Santiago, sendo o segundo hotel destas dimensións na cidade, instalamos a primeira parabólica do Estado, para a que había tres canles de televisión: a mexicana Galavisión, a italiana RAI e outra de filmes ingleses. RAI retransmitiu o partido de Real Madrid-Juventus nun Campionato de Europa e o hotel encheuse de xornalistas das radios. Así que creamos un circuíto para todo Santiago con esta antena. Sempre tentei facer cousas que non houbese antes, como cando comecei coa dobraxe; non había ninguén nisto. Despois empezou a haber empresas de dobraxe, pero case todas foráneas. Empezamos nisto, estendémolo a Vigo, tamén cubrimos Madrid, logo fusionámonos con outras empresas a nivel estatal para competir. Hoxe en día, Galiza ten o mellor colectivo de dobraxe que hai no Estado.


—É responsábel da dobraxe ao galego de Dragon Ball, que para moita mocidade por entón foi o primeiro contacto coa lingua.

É moi importante para a normalización da lingua galega que haxa unha porta fácil como é o audiovisual. Lembro que á xente lle estrañaba a dobraxe das telenovelas, mais xustamente aí se normaliza o galego, respectar e entender que hai unha lingua galega. Normalizar o galego non é fácil, non é produto dun decreto, senón que ten a ver con facelo atractivo. Eu dei entón un consello que posibelmente moitos non tomaron ben: hai que falar galego aínda que sexa mal, porque é a única maneira de comezar a falalo e ir mellorando, como cando camiñamos... como todo na vida, hai que empezar e ir perfeccionando. Se non, moita xente non se anima a falar galego. Tras visitar un estudio de dobraxe na Coruña, montamos o noso nos camerinos da discoteca do Hotel Araguarey con Xan Quixán, e empezamos a dobrar as primeiras series de televisión na Galiza. Ao cabo duns meses chegou unha sorpresa, unha empresa de fóra firmou un contrato de dobraxe de moitos cartos sen saber dobrar... facíano por inercia e aquilo confrontaba co modelo profesional que estabamos a facer. Así que convoquei unha rolda de prensa e denuncieino, e o director desa empresa, que era de Madrid, foise.

Tiña claro que debiamos loitar polos nosos dereitos. Eu son galego e temos que ser así, mais o problema sempre se repite: por que os vascos, cataláns, valencianos e madrileños poden vir aquí coas súas produtoras e teren programas na Televisión da Galiza e, porén, as produtoras galegas nunca podemos entrar en ningún país? O único intento que fixen funcionou na televisión andaluza, mais foi un feito illado.


—Falla entón a internacionalización do sector?

Falta exportabilidade, que o Goberno apoie as empresas galegas de internacionalización. Está Agadic [Axencia Galega das Industrias Culturais], hai unhas axudas posibelmente acertadas, pero non suficientes para que o audiovisual sexa como calquera produto galego. Temos miles de horas de arquivos que se poderían subtitular e ceder a países para dar a coñecer Galiza, por exemplo. Fixemos a serie de debuxos As aventuras de Minchi, traduciuse ao árabe, ao inglés, ao francés... por que non se apoian estes feitos para ensinar Galiza ao mundo? Con O Sabor das Margaridas, por exemplo, o feito de chegar a distintos países deu voz ao noso idioma.


—Hai tres formatos que produciu e que marcaron fitos sendo totalmente diferentes entre si:  Supermartes como programa, Pratos Combinados como serie e O Sabor das Margaridas como primeira ficción en versión orixinal en galego en Netflix. Que os une?

O plató Mil, chamado así porque nun inicio eran mil metros de plató; máis CTV e as ganas de facer cousas. Nós temos infraestrutura e platós, o resto de platós que hai na Galiza mais ben son naves ou discotecas.


—Falando de Supermartes, foron pioneiros tamén no formato de programas 'contedor' de entretemento.

Supermartes foi inspirado por un programa que durou 52 anos en América Latina, Don Francisco. Baseeime na estrutura e fomos creando até que a audiencia baixou. Entón fun xunto ao director da Televisión, díxenlle que podía duplicar a audiencia facéndoo en directo. "Como vas facer un concurso en directo?", preguntoume. E dixen, "fágoo". E chegamos a tres horas de programa de concurso en directo, marcando un fito na historia da televisión, até que se eliminou por unha cuestión política.


O Sabor das Margaridas supuxo a entrada do galego nas plataformas como Netflix...

Non é a primeira serie dispoñíbel en plataformas en galego, pero si posibelmente foi a primeira en versión orixinal en galego. Hoxe temos Luís Tosar, Luís Zahera, Morris, Carlos Blanco.... Na Galiza, onde queiras ver, sempre hai xente ligada ao audiovisual. Foi declarado hai 27 anos de interese público por unanimidade do Parlamento da Galiza. É unha necesidade potencialo, porque a televisión non é só informativos.


—Ten sinalado que a Fundación Araguaney nace do diálogo cultural e social.

Esa é a idea da Fundación e de todo o que facemos nela, é a idea daquel estudante que chega á Galiza. Penso que a Fundación nace xustamente por esa inquietude dun rapaz estranxeiro que se dá conta de que hai uns fallos de percepción das sociedades. Marcoume moito aos 18 anos cando cheguei á Galiza e acudín a unha pensión. Fun moi ben tratado polas señoras que a rexentaban até que lles amosei o pasaporte; entón, botáronme. Isto marcoume moitísimo e deume moita pena que a xente non quixese saber. Os galegos somos universais, eu son galego, e somos grandes cando nos abrimos a toda a humanidade.


—A esa idea de estender o coñecemento responde o Festival de Cine Euroárabe Amal que cada ano celebran en Compostela, non si?

Antes a xente non sabía nada do mundo árabe. Era a miña preocupación cando ía pola rúa  gravando respostas das persoas sobre esta cuestión, e dábame pena que realmente non soubesen nada nin sobre o Islam nin sobre o mundo árabe, só tópicos. Porén, empezamos un camiño que creo que beneficia moita xente nova, porque Amal sempre está moi aceptado polo público, moi arraigado entre a mocidade e tamén entre a xente menos nova, porque vas a Amal e hai xente de 80 e de 20 anos. Adoita haber persoas estranxeiras que acoden ao festival e impresiónanse cun evento que ten Santiago pero que non hai nin en Londres.


Isto achega moito á Galiza, mais eu non tiven practicamente axuda para pór esa idea en marcha máis que cun só político, Manuel Fraga. Foi curioso... cando lle razoabas as cousas, el mudaba; até en 1997 rematou un discurso no Araguaney pedindo a persecución dos sionistas e xulgalos como criminais. Por que, ao final, o esencial é o coñecemento. É saber e coñecer. Un pobo culto é un país culto. Mais cando se dá máis importancia a fumar porros ou a beber copas que a ler libros ou prensa... Preocúpame o futuro e debemos centrar a educación na xente nova. Preocúpame a intelixencia artificial e o mal uso. —Cada ano  CTV medra máis, con novos formatos audiovisuais, e tamén a Fundación, con novas iniciativas como os Concertos por Gaza ou Amal en Ruta. Supoño que é froito de conxugar a súa experiencia co novo talento como o do CEO de CTV e da Fundación, Ghaleb Jaber Martínez, que ademais é o seu fillo.

Todos temos que mudar, non podes estar coa mesma roupa todo o tempo. El é novo e está moi preparado, ten toda a formación do mundo e eu non son máis que unha persoa que comezou o camiño, pero o camiño ten que ir con motores novos, e el é un gran motor xunto aos seus irmáns. Non me gusta o anglicismo CEO, prefiro a palabra responsábel. 



 
 
 

Comentarios


bottom of page