A TVG estrea este sábado ‘Bailamos’, o reality de baile revelación, agora con concursantes anónimos
- 18 feb
- 2 Min. de lectura
Dezaseis aspirantes loitarán por unha das doce prazas do concurso nunha gala estrea chea de emoción, tensión e sorpresas
Javier Castillo “Poty”, Tania Zapata e Jaime Pablo Díaz compoñen o xurado desta edición
A Televisión de Galicia estrea este sábado 21 de febreiro ás 22:00 horas ‘Bailamos’, o seu novo gran formato de baile e reality, conducido por Arturo Fernández, no que doce concursantes anónimos competirán por un premio final de 10.000 euros. Tras o éxito da edición ‘Celebrity’, o programa revelación regresa para descubrir os talentos máis descoñecidos de Galicia, nunha competición onde a emoción, o esforzo e a superación serán os verdadeiros protagonistas Trátase dun formato de 13 entregas que combina espectáculo, convivencia e historias persoais nun gran plató convertido en pista de baile, no que cada gala é, tamén, un desafío emocional para os seus participantes.
O xurado estará composto por tres figuras de referencia no mundo da danza e do espectáculo: o coreógrafo e estrela televisiva Javier Castillo “Poty”; a bailarina e coreógrafa da Orquestra Panorama, Tania Zapata; e o director da compañía Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz. Eles serán os encargados de avaliar cada gala, na que os concursantes deberán recrear actuacións inesquecibles en seis estilos musicais: verbena, folk, sexy, bandas sonoras de películas, revival das cancións da nosa vida e “nivelazo”, reservado para as coreografías máis esixentes.
Nesta nova etapa, os profesores David Freire, Iria Veiga e Raúl Rodríguez, cobrarán un especial protagonismo. Respaldados por unha experiencia sólida no mundo do baile, acompañarán aos concursantes na súa evolución, afinarán as coreografías e exercerán de contrapunto dramático ao xurado, contradicindo e defendendo o seu equipo sen filtros e elevando a tensión no plató.
No primeiro programa dezaseis aspirantes enfrontaranse ao seu primeiro gran reto: conseguir unha das doce prazas definitivas. Entre eles hai perfís moi diversos, desde bailaríns de orquestra, un militar, unha “raiña da comedia” ou un recente pai, que chegan con distintos niveis técnicos pero cun obxectivo común: demostrar o seu talento e facerse un oco no concurso. A decisión non será doada e a tensión marcará unha noite chea de nervios e ilusión, na que o público permanecerá pendente ata o último momento ante a incerteza de se se producirá unha esperada pedida de man cunha aspirante como protagonista.
‘Bailamos’ é tamén un programa de historias. O público descubrirá o lado máis humano dos concursantes: os seus medos, as súas emocións, a súa evolución e mesmo os lazos que nacen na pista de baile. Amor, amizade e superación danse a man nun formato onde todo pode pasar.
Todo está listo para conquistar a pista de baile e facer vibrar aos espectadores nunha tempada que promete ser inesquecible.


































Comentarios